Sistema operativo

Estrutura en capas mostrando a posición dun Sistema Operativo típico nos sistemas de software empregados nos escritorios. Por orde, usuario, aplicacións, sistema operativo, hardware.

Un sistema operativo (S.O.), (en inglés operating system OS) é o software de sistema que manexa os recursos de hardware e software e fornece servizos comúns para os programas informáticos. O sistema operativo é un compoñente esencial para un sistema informático.

Os sistemas operativos de tempo compartido programan as tarefas para un uso eficiente do sistema e tamén poden incluír software de contabilidade para a asignación de custos do tempo do procesador, almacenamento masivo, periféricos e outros recursos.

Para funcións de hardware como entrada/saída e xestión de memoria, o sistema operativo actúa como intermediario entre os programas e o hardware do computador,[1][2] aínda que o código da aplicación adoita ser executado directamente polo hardware e con frecuencia fai chamadas ao sistemas a unha función do SO ou é interrompido por el. Os sistemas operativos atópanse en moitos dispositivos que conteñen un computador, desde teléfonos móbiles e consolas de videoxogos ata servidores webs e supercomputadoras.

En setembro de 2023, no mercado de computadores persoais Microsoft Windows tiña unha cota de mercado dominante de ao redor do 68%. macOS de Apple Inc. ocupa o segundo lugar (20%), e as variedades de Linux, incluído ChromeOS, ocupan colectivamente o terceiro lugar (7%).[3] Así mesmo nesa mesma data no sector dos móbiles (incluídos teléfonos intelixentes e tabletas) a cota era: Android do 68,92%, seguido de iOS e iPadOS de Apple, cun 30,42%, e outros sistemas operativos, cun 0,6%. [4] As distribucións Linuxs dominan nos sectores de servidores e supercomputación. Outras clases especializadas de sistemas operativos (sistemas operativos para fins especiais),[5][6] como sistemas embebidos e sistemas en tempo real, existen para moitas aplicacións. Tamén existen sistemas operativos centrados na seguridade. Algúns sistemas operativos teñen requisitos de sistema baixos (por exemplo as minidistribucións de Linux). Outros poden ter requisitos de sistema máis elevados.

Algúns sistemas operativos requiren instalación ou poden vir preinstalados cos ordenadores comprados (instalación OEM), mentres que outros poden executarse directamente desde dispositivos (por exemplo, un CD autónomo) ou memoria flash (por exemplo, unha memoria USB).

  1. Stallings (2005). Operating Systems, Internals and Design Principles. Pearson: Prentice Hall. p. 6. 
  2. Dhotre, I.A. (2009). Operating Systems. Technical Publications. p. 1. 
  3. "Desktop Operating System Market Share Worldwide". StatCounter Global Stats (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de outubro de 2023. Consultado o 9 de outubro do 2023. 
  4. "Mobile & Tablet Operating System Market Share Worldwide". StatCounter Global Stats (en inglés). Consultado o 9 de outubro do 2023. 
  5. "VII. Special-Purpose Systems - Operating System Concepts, Seventh Edition [Book]". www.oreilly.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2021. Consultado o 9 de outubro do 2023. 
  6. "Special-Purpose Operating Systems - RWTH AACHEN UNIVERSITY Institute for Automation of Complex Power Systems - English". www.acs.eonerc.rwth-aachen.de. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2021. Consultado o 9 de outubro do 2023. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne