Streptococcus (estreptococo) é un xénero de bacterias grampositivas esféricas (cocos) pertencentes ao filo Firmicutes[2] e ao grupo das bacterias do ácido láctico. A súa división celular ten lugar ao longo dun só eixe, polo que crecen formando cadeas ou parellas, de onde vén a raíz inicial do seu nome (do grego στρεπτος streptos, que significa dobrado ou retorto, como unha cadea, ou cadea retorta). Isto diferénciaos dos estafilococos, que se dividen ao longo de múltiples eixes e orixinan grupos con forma de acio en vez de cadeas. A maioría dos estreptococos son oxidase negativos e catalase negativos, e moitos son anaerobios facultativos.
En 1984, moitos organismos antes considerados Streptococcus foron separados e pasados aos xéneros Enterococcus e Lactococcus.[3]
Streptococcus pertence á clase Bacilli, que inclúe tanto bacterias con forma de bacilo coma de coco (esféricas).