Superman é un personaxe ficticio, un superheroe de banda deseñada que apareceu nas publicacións de DC Cómics, aínda que se lle considera unha icona cultural de Estados Unidos.[1][2][3][4] Creado polo escritor estadounidense Jerry Siegel e o artista canadense Joe Shuster en 1932, cando ambos se atopaban vivindo en Cleveland, Ohio; vendérono a Detective Cómics, Inc. en 1938 por 130 dólares[5] e a primeira aventura do personaxe foi publicada en Action Cómics 1 (xuño de 1938) para logo aparecer en varios seriais de radio, programas de televisión, películas, tiras periódicas e videoxogos. Co éxito das súas aventuras, Superman axudou a crear o xénero do superheroe e estableceu a súa primacía dentro do cómic estadounidense.[1] A aparencia do personaxe é distintiva e icónica: un traxe azul, vermello e amarelo, cunha capa e un escudo de "S" estilizado no seu peito,[6][7] escudo que se converteu nun símbolo do personaxe en todo tipo de medios de comunicación.[8]
A historia orixinal de Superman relata que naceu co nome de Kal-El no planeta Krypton; o seu pai, o científico Jor-El, e a súa nai Lara Lor-Van, enviárono nunha nave espacial con destino á Terra cando era un neno, momentos antes da destrución do seu planeta. Foi descuberto e adoptado por Jonathan Kent e Martha Kent, unha parella de granxeiros de Smallville, Kansas, que o criaron co nome de Clark Kent e inculcáronlle un estrito código moral. O mozo Kent comezou a mostrar habilidades superhumanas, as mesmas que ó chegar á súa madurez decidiría usar para o beneficio da humanidade.
Aínda que denominado, algunhas veces, de maneira pouco afagadora, como «o gran Boy Scout azul» por outros superheroes, Superman tamén é coñecido como «O Home de Aceiro», «O Home do Mañá» e «O Último Fillo de Krypton» polo público xeral dos cómics. Baixo a identidade de Clark Kent, Superman vive no medio dos humanos como un «tímido reporteiro» do diario Daily Planet de Metrópolis. Aí traballa xunto á reporteira Lois Lane, coa cal foi vinculado románticamente. Esta relación consumouse co seu matrimonio en varias ocasións a través de distintos medios e a unión atópase firmemente establecida dentro da continuidade actual dos cómics.
DC Cómics/Warner Bros. expandiu lentamente a repartición de personaxes secundarios, poderes e símbolos de Superman a través dos anos. Modificouse o seu pasado para permitir as súas aventuras como Superboy e creáronse outros sobreviventes de Krypton, incluíndo a Supergirl e Krypto, o Supercan. Ademais, Superman foi licenciado e adaptado a unha gran variedade de medios, desde a radio á televisión e o cinema. Neste último deuse a que quizais sexa a súa interpretación máis notable: Christopher Reeve tanto en Superman (1978) como na súa secuela Superman II (1981), películas de Richard Donner que recibiron a aclamación unánime da crítica e volvéronse as películas máis exitosas de Warner Bros. no seu momento. No entanto, as dúas seguintes secuelas, Superman III e Superman IV: The Quest for Peace non tiveron tanto éxito a nivel de recadación. A película Superman Returns, que foi estreada en 2006, foi pouco exitosa dentro dos Estados Unidos pero no resto do mundo excedeu as expectativas iniciais dos seus creadores.[9]
Desde o debut de Superman transcorreron sete décadas, durante as cales o personaxe foi recreado e renovado en múltiples ocasións. Unha modificación maior e significativa ocorreu en 1986, cando o autor John Byrne modernizou e realizou un masivo retcon ó personaxe, reducindo os poderes de Superman e eliminando varios personaxes do canon, nunha estratexia que atraeu moita atención dos medios. Volveu aparecer na prensa na década de 1990, cando DC Cómics publicou A Morte de Superman, unha historia na que o personaxe faleceu e logo reviviu.
Superman resultou fascinante para os académicos e tanto estudosos culturais como comentaristas e críticos exploraron o impacto do personaxe e o seu rol nos Estados Unidos e no resto do mundo. Umberto Eco discutiu as calidades mitolóxicas do personaxe a inicios dos anos 1960 e Larry Niven escribiu sobre as características dunha hipotética relación sexual entre o personaxe e Lois Lane.[10]
A propiedade do personaxe foi frecuentemente un obxecto de disputa; Siegel e Shuster estableceron demandas en dúas ocasións para recuperar a súa posesión legal. Os dereitos do personaxe atópanse de novo en discusión, debido a que os cambios á lei de dereitos de reprodución permitíronlles á esposa e á filla de Siegel alegar por unha parte dos dereitos, algo que a compañía dona de DC, Warner Bros., disputa.