Sutra

Páxina dun manuscrito do budista Sutra do loto (en sánscrito)
Páxina dun manuscrito do Kalpa sūtra (xainismo)

Nas tradicións literarias da India, un sutra (sánscrito: sūtra सूत्र; lit. "fío, corda")[1] é un aforismo ou colección de aforismos empregados como manuais. Os sutras son un xénero da India antiga e medieval propios de tradicións como o hinduísmo, o budismo ou o xainismo.[1][2]

No hinduísmo, os sutras son un tipo específico de escolmas de aforismos enunciativos curtos.[2] Cada sutra é unha regra breve, como un teorema resumido en poucas palabras ou sílabas, que explican as ensinanzas do ritual, a filosofía, a gramática ou calquera outro eido do saber.[1][2] Os sutras máis antigos do hinduísmo atópanse nas seccións do Brahmana e do Aranyaka dos Vedas.[3][4] Cada unha das escolas da filosofía hindú e cada campo das artes, do dereito e da ética social desenvolveu os seus propios sutras, como medio para o ensino e a transmisión de ideas dunha xeración á seguinte.[5][6]

No budismo, os sutras (en pali: sutta) son as escrituras canónicas, moitas das cales rexistran as ensinanzas orais de Gautama Buddha. A diferenza do hinduísmo, non son aforismos, senón textos máis detallados, que poden incluír repeticións. Este cambio no estilo reflicte unha derivación do sánscrito védico sūkta ("ben falado"), no canto de sūtra ("fío").[7]

No xainismo, os sutras (en ardhamagadhi: suya) son os sermóns canónicos de Mahavira rexistrados nos agamas, aínda que tamén poden ser textos normativos posteriores.[8][9]

  1. 1,0 1,1 1,2 Williams 1872, p. 1241.
  2. 2,0 2,1 2,2 Winternitz 2018, p. 249.
  3. Müller 1860, p. 108-113.
  4. Winternitz 2018, p. 251-253.
  5. Flood 1996, p. 54-55.
  6. White 2014, p. 194-195.
  7. Norman 1997, p. 104.
  8. Kelting 2001, p. 111-112.
  9. Jaini 1991, p. 32.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne