Technicolor é un proceso de cinema en cor inventado en 1916 e despois mellorado ao longo de varias décadas. Trátase do segundo proceso principal deste tipo, tras o británico Kinemacolor, e o máis empregado en Hollywood entre 1922 e 1952. Technicolor foi coñecido e recoñecido polo seu nivel saturado de cor, e empregouse para rodar musicais como The Wizard of Oz (1939) e Singin' in the Rain (1952), filmes de época como As aventuras de Robin Hood (1938) e Foise co vento (1939), ou de animación como Snow White and the Seven Dwarfs (1937) ou Fantasia (1940). Con todo, tamén se empregou para comedias e dramas menos espectaculares, e mesmo no cinema negro, como en Que o ceo a xulgue (1945) ou Niagara (1953).
"Technicolor" é a marca rexistrada dunha serie de procesos de cinema en cor desenvolvidos por Technicolor Motion Picture Corporation (subsidiaria de Technicolor, Inc), actualmente parte da empresa Technicolor, antiga Thomson. Technicolor Motion Picture Corporation fundouse en Boston en 1914, e os seus fundadores foron Herbert Kalmus, Daniel Frost Comstock e W. Burton Wescott.[1] A partícula "Tech" do nome inspirouse no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, onde Kalmus e Comstock se graduaron e foron logo profesores.[2] Technicolor, Inc constituíuse en Delaware en 1921.[3][4]