O tecido cartilaxinoso é unha variante especializada do tecido conxuntivo, caracterizado por posuír unha matriz intercelular sólida elástica, constituída por fibras de coláxeno, grazas ás que adquire certa rixidez. Non está vascularizado nin posúe innervación. Nos mamíferos constitúe a maior parte do esqueleto fetal e, no estado adulto, permanece en certos órganos e nas superficies articulares. As pezas constituídas por tecido cartilaxinoso denomínanse cartilaxes.
O elemento condr-, de orixe grega, chóndros, forma parte de termos técnicos relativos ás cartilaxes (condrite, inflamación; condroma, tumor; condrectormía, extirpación). Por veces adopta a forma condro- (condrodistrofia, raquitismo fetal; condromalacía, rebrandecemento patolóxico).
O tecido cartilaxinoso cumpre a función de protexer e dar estrutura a certos órganos (como a larinxe ou a traquea) ou reducen o rozamento entre as superficies articulares e amortece os traumatismos sobre estas. Noutros casos dan forma a certas estruturas, coma o nariz ou o pavillón auricular.