Teito (casa)

Teito no lago del valle, en Somiedo (Asturias).

Teito ou casa de teito (tamén chamada de teitu ) é unha edificación de pedra con cuberta vexetal de xestas ou colmo de centeo típica do occidente asturiano e leonés, especialmente na zona de Somiedo en Asturias, nas comarcas leonesas dos Ancares e A Cabreira. Moi relacionadas coas pallozas de Galicia e León coas que case estreman.[1]

Teito é en realidade unha voz asturleonesa, que como en galego, designa calquera cuberta feita con material vexetal (coñecidas en galego coma colmados ou colmas).[2] Por extensión chamouse teito ao edificio en si, sempre que a súa cuberta sexa vexetal.[3] O teito asturiano ten moita relación coa palloza galega-leonesa dos Ancares, en canto ao colmado se refire, aínda que se diferencian na forma e estrutura do edificio habitacional que acubilla dita cuberta (planta arredondada nas pallozas e cadrada nos teitos); diferénciase tamén na súa localización xeográfica e na distribución do espazo. En Asturias e León prefírese a voz teito, mentres que en Galicia utilízase a voz palloza ou pallaza.[4]

As construcións con teito pertencen á arquitectura popular autóctona, destinadas a vivendas, palleiras, alpendres, cortes, hórreos e outros pequenos edificio auxiliares. Coma ocorreu coas construcións de colmado en Galicia, de todas estas construcións, resistiron o paso do tempo as cabanas, os hórreos, as palleiras e algún máis. As vivendas ou ben foron desaparecendo ou se modificaron ostensibelmente. Nalgúns casos mantivéronse até finais do século XX e comezos do XXI, até a morte dos seus propietarios. Algunhas destas casas mantiveron a súa vida por terse convertido en museos etnográficos ou por ter cambiado o seu uso rehabilitándoas coma cortes ou palleiras.

  1. Cerrato Álvarez, Ángel (2004). Construccions de sostre de palla: pervivència i destrución. Revista de Folklore: Joaquín Díaz. ISSN 0211-1810. 
  2. Menéndez 2008: p. 27
  3. Menéndez 2008 p. 28
  4. Nos Ancares leoneses tamén utilizan a palabra palloza; no resto do territorio, teito.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne