A terceira onda do feminismo comezou no inicio da década de 1990, como unha resposta ás supostas eivas da segunda onda, e tamén como unha resposta a iniciativas e movementos creados pola segunda onda. O feminismo da terceira onda quere desafiar ou evitar aquilo que ve como as definicións esencialistas da feminidade feitas pola segunda onda, que colocaría demasiada énfase nas experiencias das mulleres brancas de clase media e alta, e en cambio fomentando a percepción de que as mulleres son de "moitas cores, etnias, nacionalidades, relixións e orixes culturais ".
Unha interpretación posestruturalista do xénero e da sexualidade é central á maior parte da ideoloxía da terceira onda. As feministas da terceira onda frecuentemente enfatizan a "micropolítica", e desafían os paradigmas da segunda onda sobre o que é e o que non é bo para as mulleres.[1][2][3][4] A terceira onda tivo a súa orixe no medio da década de 1980; líderes feministas con raíces na segunda onda, como Gloria Anzaldúa, bell hooks, Cherríe Moraga, Audre Lorde, Maxine Hong Kingston e diversas outras feministas negras, procuraron negociar un espazo dentro da esfera feminista para a consideración de subxectividades relacionadas á raza.[3][5][6]
Esta onda do feminismo expande os temas feministas para incluír un grupo diversificado de mulleres cun conxunto de identidades variadas.[7][8] Rebecca Walker cuñou o termo "terceira onda do feminismo" nun ensaio de 1992.[9] Propúxose que Walker se convertese nun símbolo do foco da terceira na onda no queer e mulleres non brancas.[10] As feministas da terceira onda ampliaron os seus obxectivos, con foco en ideas como a teoría queer e na abolición de expectativas e estereotipos baseados en xéneros.[11] Ó contrario da posición determinada polas feministas da segunda onda sobre as mulleres na pornografía, o traballo sexual e prostitución, as feministas da terceira onda son bastante ambiguas e están divididas sobre estes temas (guerras sexuais feministas).[12] Outro debate é causado polo chamado feminismo da diferenza, cuxo importante expoñente é a psicóloga Carol Gilligan, que defende que hai importantes diferenzas entre os sexos, mentres outras vertentes cren que non hai diferenzas inherentes entre homes e mulleres e que defenden que os papeis atribuídos a cada xénero instauran socialmente a diferenza.[13]. A esta corrente lle seguiría a cuarta onda do feminismo, xa no século XIX.