![]() | |
Biografía | |
---|---|
Rei mítico de Salamina | |
![]() | |
Actividade | |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra de Troia ![]() |
Familia | |
Cónxuxe | Eune ![]() |
Fillos | Asteria ![]() |
Pais | Telamón ![]() ![]() |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru ![]() |
Teucro (en grego: Τεύκρος) foi un heroe grego fillo de Telamón e de Hesíone (filla de Laomedonte e concubina de Telamón). Era á súa vez sobriño do rei Príamo de Troia[1], e por tanto curmán de Heitor e Paris, contra os que loitou na guerra de Troia.
Na relación de naves que cada monarca aqueo achegou ó frota armada por Agamenón, Teucro capitaneaba doce naves de cincuenta guerreiros, o mesmo número que o seu medio irmán Áiax, segundo Hixino[2], pero no catálogo que ofrece Homero só consta este segundo, con 12 naves, e ningunha por parte de Teucro[3].
Tivo fama de ser un hábil arqueiro durante esa guerra[4], sempre ó lado de Áiax e protexido polo enorme escudo deste. Cada vez que Áiax ladeaba o seu escudo, Teucro asomaba, apuntaba a alguén e disparaba, caendo morto un guerreiro troiano. Inmediatamente, Teucro volvía a protexerse tras o escudo "como un meniño no colo da súa nai, a buscar refuxio en Áiax, quen o agochaba tralo seu brillante escudo"[5].
Agamenón, ó ver o elevado número de baixas que Teucro está provocando entre os troianos, dille o seguinte:
"Teucro Telamonio, persoa para min moi querida, caudillo do pobo, segue disparando así para que te convertas en luz de salvación para os dánaos e para o teu pai Telamón, que te criou cando eras pequeno e, aínda que eras bastardo, coidou de ti no seu propio fogar. Cúbrelle, pois, de honor, por lonxe que estea"Ilíada VIII, 281
Resultou ferido por Heitor, que lle acertou cunha pedra na clavícula no momento en que Teucro ía disparar contra el, pero Áiax conseguiu evitar que Heitor o matara e ordenou a dous compañeiros que o retiraran cara ás naves aqueas.[6] Noutro momento estivo a piques de ser alcanzado pola lanza de Heitor cando estaba entretido sacándolle a armadura a Imbrio, fillo de Mentor, pero puido esquivala[7].
Pero tamén houbo momentos nos que a situación foi a contraria e foi el quen puxo en perigo a vida do heroe troiano coas súas frechas, pero Apolo desviounas a tempo, provocando a morte do seu auriga[8]. Houbo outra ocasión na que puido matar a Heitor, pero Zeus deuse de conta e rompeu a corda do seu arco, demostrando así que apoiaba os intereses dos troianos.
"[Teucro estremeceuse e díxolle ó seu irmán] Sen dúbida, un deus está truncando os nosos obxectivos de batalla, porque me arrancou o arco da man e rompeu o nervio acabado de trenzar que anoé esta mañá para que resistise os meus constantes disparos de frecha"Ilíada XV, 462-471
Cando Áiax se suicida polos seus actos vergonzosos cometidos trala morte de Aquiles[9], encomendará ó seu irmán Teucro o coidado de Eurísaces, o fillo que Áiax tivo coa concubina Tecmesa. Teucro estaba ausente nese momento, realizando nunha expedición de piratería en Misia, e fora avisado por Zeus da súa morte, e as advertencias dos adiviños Calcante e Podalirio[10], que lle aconsellaron que encerrara ó seu irmán, pois volvérase tolo.
Teucro regresou a tempo de evitar que os gregos ultraxaran o seu corpo, por suicida, pois querían deixalo abandonado, insepulto, para prea de cans e voitres. Esixiu a Agamenón que se lle fixera un ritual funerario digno, do que era merecente; e por consello de Odiseo, Agamenón terminou aceptando pero enterrándoo, non incinerándoo como era a práctica habitual nos guerreiros caídos con honor en batalla[11].
Foi un dos guerreiros que penetraron en Troia agochados no interior do cabalo de madeira.
Rematada a guerra e de regreso ó fogar, Telamón reprocháballe non ter vingado a morte de Áiax, ou non evitar a discusión entre este e Odiseo polas armas de Aquiles, causa directa do suicidio do seu fillo. Se ben Teucro alegaba que seu irmán se suicidara e non había en quen vingarse, o pai insistiu tanto que Teucro tivo que se embarcar ao mar en busca dunha nova patria; ou ben Telamón terminou por expulsar a Teucro do reino sen deixarlle, tan sequera, desembarcar[12][13].
Teucro recalou en Chipre, onde fundou unha colonia co nome de Salamina. Casou coa princesa Eune, filla do rei Cipro ou do rei Ciniras, coa que tivo unha filla, Asteria.
Algúns autores din que terminou morrendo en Chipre, pero a tradición máis común di que, ó morrer o pai, regresou á súa patria (Salamina de Ática), pero foi rexeitado por Eurísaces, fillo de Áiax, o que lle obriga a partir de novo. Desta volta colle rumbo cara á Península Ibérica, onde funda a cidade de Cartaxena, quizais Gades e, máis tarde, de Helenes, a futura Pontevedra, onde morrerá.