Orixe | Liverpool, Inglaterra, Reino Unido |
---|---|
Período | 1960 – 1970 |
Xénero(s) | Rock, Pop, Rock psicodélico |
Selo(s) discográfico(s) | Parlophone, Capitol, Apple, Odeon, Vee-Jay, United Artists, Atco, Swan |
Membros | John Lennon † Paul McCartney George Harrison † Ringo Starr |
Antigos membros | Stuart Sutcliffe † Pete Best |
Artistas relacionados | |
Na rede | |
www.beatles.com | |
|
The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra) en 1960, activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular.[1][2][3][4] Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e no rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.
Cunha formación inicial de cinco compoñentes que incluía a Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe (baixo) e Pete Best (batería), construíron a súa reputación nos clubs de Liverpool e Hamburgo nun período de tres anos a partir de 1960. Sutcliffe abandonou a formación en 1961, e Best foi substituído por Starr ao ano seguinte. Xa como grupo profesional despois de que Brian Epstein lles ofrecese ser o seu representante, e co seu potencial musical mellorado pola creatividade do produtor George Martin, lograron o éxito comercial no Reino Unido a finais de 1962 co seu primeiro sinxelo, «Love Me Do». A partir de aí, foron adquirindo popularidade internacional ao longo dos seguintes anos, nos cales fixeron un extenso número de xiras ata 1966, ano en que cesaron a actividade en vivo para dedicarse unicamente á gravación no estudo ata a súa disolución en 1970. Despois, todos os seus integrantes embarcáronse en exitosas carreiras independentes, a pesar disto non foron raras as colaboracións entre eles. O ano 1995, con motivo da edición do primeiro volume da triloxía The Beatles Anthology, tivo lugar unha reunión virtual do grupo, coa axuda dunhas cintas que John Lennon deixara gravadas e que foron a base de dúas novas cancións: Free as a Bird e Real Love.[5]
Durante os seus anos de estudo crearon algúns dos seus mellores materiais, incluíndo o álbum Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1967), considerado por moitos como unha obra mestra. Catro décadas logo da súa separación, a música que crearon continúa sendo popular. Mantéñense como o grupo con máis números 1 nas listas británicas, situando máis álbums nesta posición que calquera outra agrupación musical.[6] De acordo coas certificacións da RIAA, venderon máis discos nos Estados Unidos que calquera outro artista.[7] En 2004, a revista Rolling Stone clasificounos no número un na súa lista dos «50 artistas máis grandes de todos os tempos».[1] De acordo coa mesma publicación, a música innovadora de The Beatles e o seu impacto cultural axudaron a definir os anos sesenta.[8] En 2008, a revista Billboard publicou unha lista dos artistas máis exitosos de todos os tempos no Hot 100 con motivo do 50º aniversario da lista de éxitos, e The Beatles foron colocados no número un. Foron galardoados con sete premios Grammy,[9] e recibiron un total de quince premios Ivor Novello de parte da British Academy of Songwriters, Composers and Authors.[10] Tamén foron colocados no posto Nº 1 polo sitio de Internet Acclaimed Music na súa lista «The Top 1000 Artists of All Time»[3] e por Digital Dream Door na súa lista «100 Greatest Rock Artists».[2]
Lennon sería asasinado nos arredores da súa casa de Nova York en 1980, e Harrison falecería de cancro en 2001. McCartney e Starr aínda permanecen activos.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Grammy Beatles
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Harry 559-60