The Economist | |
---|---|
![]() | |
![]() ![]() | |
Tipo | Semanario[1][2] |
Fundación | 2 de setembro de 1843 |
Propietario | The Economist Group |
Fundador | James Wilson |
Editorial | The Economist Group |
Lingua | inglés |
Localidade | 1-11 John Adam Street Westminster, Londres |
Tiraxe | 909 476 (papel) 748 459 (dixital) 1.6 millóns (combinado) |
ISSN | 0013-0613 |
Descrito por | Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) |
Na rede | |
https://www.economist.com/ | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
The Economist é unha publicación semanal en lingua inglesa con sede en Londres, que aborda a actualidade das relacións internacionais e da economía desde un marco global. O seu primeiro número foi publicado o 2 de setembro de 1843 baixo a dirección de James Wilson. Aínda que por razóns históricas se define a si mesma como un xornal, o seu formato actual aseméllao ao dunha revista.
A publicación pertence a The Economist Group, unha sociedade editorial controlada no 50 % polas familias Rothschild e Agnelli.[3] O outro 50 % das accións son propiedade de investidores privados, incluíndo os traballadores da revista.[4] O cadro está formado por máis de 75 xornalistas procedentes de todo o mundo. Un consello editorial encárgase de elixir o redactor xefe, que non pode ser cesado sen o seu consentimento.
The Economist segue unha liña editorial liberal que apoia a liberdade económica, o libre comercio, a globalización, a inmigración e o liberalismo cultural, e que foi definida por eles mesmos como "un produto do liberalismo de Adam Smith e David Hume".[5] Entre outros obxectivos, busca influír nos cargos de responsabilidade política e económica, polo que o seu público destinatario é de clase alta familiarizado coa linguaxe económica. A publicación foi recoñecida no ámbito do xornalismo polo rigor e a excelencia dos seus artigos,[6][7] que adoitan non ir asinados, facéndose responsable da información presentada o consello editorial.[8]