The Hunger Games | |
---|---|
Logo de The Hunger Games. | |
Título orixinal | The Hunger Games |
Autor/a | Suzanne Collins |
Orixe | Estados Unidos de América |
Lingua | Inglés |
Colección | The Hunger Games |
Xénero(s) | Distopía, aventura, ciencia ficción, drama, acción |
Editorial | Scholastic |
Data de pub. | 14 de setembro de 2008 - 24 de agosto de 2010 |
Formato | Impreso (capa dura e capa branda), audiolibro, libro electrónico |
[ editar datos en Wikidata ] |
The Hunger Games (en galego, Os xogos da fame) é unha triloxía de novelas xuvenís distópicas de ciencia ficción e aventuras escritas por Suzanne Collins. A serie transcorre nun universo propio e narra o que lles acontece aos mozos protagonistas Katniss Everdeen e Peeta Mellark.
A triloxía está composta polas seguintes obras: The Hunger Games (2008), Catching Fire (2009) e Mockingjay (2010). Todas elas foron adaptadas ao cine e teñen a súa versión cinematográfica, coa adaptación do último libro dividida en dúas partes. Os dous primeiros libros formaron parte da lista dos libros máis vendidos de The New York Times e o terceiro libro encabezou todas as listas de libros máis vendidos nos Estados Unidos de América no seu lanzamento.[1][2] Cando a adaptación cinematográfica do primeiro libro se estreou en 2012, a editorial vendera máis de 26 millóns de libros da triloxía.[3]
O universo de The Hunger Games é unha distopía que transcorre en Panem, un país formado polo adiñeirado Capitolio e 12 distritos con distintos graos de pobreza que abastecen o Capitolio. Cada ano, cativos dos distritos son seleccionados para participar obrigatoriamente nos xogos da fame, unha loita a morte televisada.
Todas as novelas recibiron boas críticas. En agosto de 2012, a serie quedou segunda na enquisa da NPR das 100 novelas xuvenís preferidas polos lectores, unicamente superada pola serie Harry Potter.[4] O 17 de agosto de 2012, Amazon anunciou que a triloxía The Hunger Games era a máis vendida, superando a marca que previamente tiña a heptaloxía Harry Potter.[5] Ata o ano 2014, a triloxía vendeu máis de 65 millóns de copias unicamente nos Estados Unidos de América.[6] Ademais, a triloxía The Hunger Games foi traducida a máis de 50 linguas,[7] entre as que non se atopa o galego.