Tinamiformes

Tinamiformes
Rango fósil: Mioceno – Actual 10 Ma-0 Ma

Eudromia elegans
Clasificación científica
Reino: Animalia
Clase: Aves
Orde: Tinamiformes
Huxley, 1872[1]
Familia: Tinamidae
G. R. Gray, 1840[1]
Diversidade
2 subfamilias, 9 xéneros, 47 especies, 127 subespecies
Especie tipo
Tinamus major
Gmelin, 1789
       Área de distribución da familia
       Área de distribución da familia

       Área de distribución da familia
Subfamilias e xéneros
Sinonimia
  • Crypturidae Bonaparte, 1831
  • Tinamotidae Bonaparte, 1854
  • Eudromiidae Bonaparte, 1854
  • Rhynchotidae von Boetticher, 1934

Os tinamiformes son unha orde de aves que vive en México, Centroamérica e Suramérica, que comprende unha única familia, a dos tinámidos (Tinamidae), dividida en dúas subfamilias con 47 especies.[2] Moitas veces se lles dá en xeral o nome común de tinamús (palabra da lingua caribe galibí), aínda que tamén hai un xénero especificamente denominado Tinamus;[3] no Brasil chámaselles iñambús a algunhas das especies. É un dos grupos vivos de aves máis antigos, que aparece no rexistro fósil desde o Mioceno. Os tinamús consideráronse tradicionalmente un grupo irmán das aves non voadoras ratites, pero traballos máis recentes sitúanas dentro da radiación das ratites, o que implica que as ratites basais podían voar.[4] Son xeralmente sedentarias, viven no chan e, aínda que poden voar se queren, sempre que lles é posible evitan voar e prefiren agocharse ou correr cando notan algún perigo. Encóntranse en diversos hábitats, desde praderías alpinas semiáridas a bosques tropicais. As dúas subfamilias están moi separadas polos seus hábitats, xa que os Nothurinae son tinamús de estepa e campo aberto e os Tinaminae son tinamús de bosque.

Aínda que algunhas especies son bastante comúns, os tinamús son aves tímidas e silenciosas.[5] Son activas durante o día, e retíranse a pousadeiros de noite. Xeralmente teñen plumaxe críptica, e os machos e femias son similares en aparencia, aínda que as femias son xeralmente máis grandes. Aliméntanse de forma oportunista e omnívora, consumindo unha ampla variedade de plantas e animais, desde froitos e sementes a vermes, insectos e pequenos vertebrados. Danse baños de po e lávanse poñéndose baixo a chuvia. É máis fácil oílos que velos, xa que se comunican entre eles con diversas chamadas características, que emiten frecuentemente, especialmente durante a estación reprodutora.

Con excepcións ocasionais, un macho de tinamú defende un territorio e lugar de nidación durante a estación reprodutora, que visitan sucesivas femias, todas as cales poñen ovos no mesmo niño. As femias vagan por varios territorios apareándose cos machos e poñendo ovos nos niños do macho residente. Os niños fanos sempre no chan, agochados entre a vexetación ou entre rochas. Os ovos son relativamente grandes e brillantes, xeralmente de vivas cores cando os poñen, e son incubados polos machos durante un período de dúas a tres semanas. Os pitiños poden correr axiña que eclosionaron e son en boa medida autosuficientes ás tres semanas de vida.

Os tinamús e os seus ovos teñen moitos predadores naturais, desde falcóns e vampiros a xaguares. Tamén foron cazados en grandes cantidades polos humanos e ás veces perseguidos como pragas agrícolas. Porén, a principal ameaza para as súas poboacións é a destrución do hábitat debido á deforestación e ao desenvolvemento agrícola. Sete das especies están na lista de IUCN de especies vulnerables e outras sete como case ameazadas. Entraron na mitoloxía dos pobos indíxenas da súa área de distribución. A miúdo foron trasladados a outros lugares e crían doadamente en catividade, pero nunca se conseguiu domesticalos.

  1. 1,0 1,1 Brands 2008
  2. Gotch 1995, p. 182
  3. BUSCatermos Tinamú
  4. Erro na cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Phillips
  5. Davies 1991, p. 48

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne