Na mitoloxía grega, a Titanomaquia (en grego antigo Τιτανομαχία Titanomakhía) foi unha longa guerra entre Zeus e os seus irmáns, os deuses olímpicos, co apoio doutros personaxes, contra Cronos e os seus irmáns, os titáns. Trala vitoria de Zeus, os titáns foron encadeados e condenados ó Tártaro e Zeus converteuse no Deus do Olimpo.
Ó lado de Zeus combateron os deuses Hestia, Hera, Deméter, Poseidón e Hades, a deusa Hécate (descendente de Xea e Ponto). Tamén Prometeo e Epimeteo (fillos de Xapeto). Avanzada a guerra, Zeus viuse obrigado, trala profecía de Xea, a liberar os Hecatonquiros e os Ciclopes para que o axudaran.
Fronte a Zeus, ademais de Cronos, loitaron os outros titáns (Ceo, Hiperión, Crío e Xapeto), así como Atlas e Menecio (tamén fillos de Xapeto).
Mantivéronse neutrais o titán Océano e as seis titánides (Tetis, Rea, Temis, Mnemósine, Febe, Dione e Tía). Elvira Barba afirma que Rea, Temis e Mnemósine apoiaron claramente a Zeus.
Algúns autores, como Ovidio, confúndena coa Xigantomaquia, a pesar das múltiples diferenzas entre ambos mitos.