A tubulina é unha familia de proteínas globulares de 55 kDa. A familia das tubulinas está formada polas tubulinas alfa (α), beta (β) e gamma (γ), que comparten unha identidade na súa secuencia de aminoácidos do 35-40%, aínda que a súa semellanza con calquera outra proteína coñecida é mínima.[1] As tubulinas α e β son as subunidades esenciais dos microtúbulos, e a tubulina-γ é un compoñente fundamental do centrosoma. Existen tamén outras variantes menores, que non están presentes en todos os organismos eucariotas, denominadas tubulina-delta (δ), épsilon (ε) e zeta (ζ).[2]
Comunmente denomínase tubulina a un heterodímero formado por dúas subunidades (α e β) que ao se ensamblar de maneira moi organizada xera un dos principais compoñentes do citoesqueleto, os microtúbulos. Todas as células eucariotas presentan microtúbulos, o cal indica que as subunidades que os conforman probablemente se orixinaron cando os eucariotas aparecieron por primeira vez, hai aproximadamente 1.500 millóns de anos. É probable que outras proteínas que se asocian aos microtúbulos tamén daten da orixe dos eucariotas, como algúns membros das familias das cinesinas e dineínas, aínda que outras son de orixe máis recente, como a proteína tau específica das neuronas.