Twitter, Inc. | |
---|---|
Logotipo de Twitter | |
Tipo | Capital aberto |
Fundación | 21 de marzo de 2006 (18 anos) |
Localización | San Francisco, California Estados Unidos |
Fundador | Jack Dorsey Noah Glass Biz Stone Evan Williams |
Industria | Internet |
Produtos | Periscope Vine |
Número de empregados | 3638 (2015)[1] |
Na rede | |
https://twitter.com/, https://twitter3e4tixl4xyajtrzo62zg5vztmjuricljdp2c5kshju4avyoid.onion/ e https://x.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Twitter é unha rede social de balde que ofrece un servizo de microblogging, con sede en San Francisco, California, con filiais en San Antonio (Texas) e Boston (Massachusetts) nos Estados Unidos. Twitter, Inc. foi creado orixinalmente en California, mais está baixo a xurisdición de Delaware dende o 2007[2]. Dende que Jack Dorsey creou Twitter en marzo de 2006, lanzado en xullo do mesmo ano, a rede gañou popularidade mundial; estímase que ten máis de 500 millóns de usuarios, xerando 65 millóns de chíos ao día e manexa máis de 800 000 peticións de buscas diarias. Foi denominado como o «SMS de Internet».[3]
A rede permite enviar mensaxes de texto plano de curta lonxitude, cun máximo de 280 caracteres[4] (orixinalmente 140), chamados chíos ou tweets, que se mostran na páxina principal do usuario. Os usuarios poden suscribirse aos chíos doutros usuarios – a isto chámaselle "seguir" e aos usuarios abonados chámaselle seguidores[5], followers e ás veces tweeps[6] (Twitter + peeps, seguidores novatos que aínda non publicaron moitos chíos). Por defecto, as mensaxes son públicas, podendo difundirse privadamente mostrándoas unicamente a uns seguidores determinados. Os usuarios poden chiar dende a web do servizo, con aplicacións oficiais externas (como para teléfonos intelixentes), ou mediante o Servizo de mensaxes curtas (SMS) dispoñible en certos países[7]. Agora ben se o servizo é de balde, acceder a el vía SMS comporta soportar tarifas fixadas polo provedor de telefonía móbil.
Na actualidade Twitter factura máis de 2500 millóns de dólares anuais e teñen un valor na bolsa superior aos 10 000 millóns de dólares.