Uncle Tupelo | |
---|---|
Orixe | Belleville, Illinois, Estados Unidos |
Período | 1987-1994 |
Xénero(s) | Country alternativo Rock alternativo Country rock |
Membros | Jay Farrar Jeff Tweedy Mike Heidorn Bill Belzer Ken Coomer Max Johnston John Stirratt |
Artistas relacionados | The Plebes The Primitives Bottle Rockets Son Volt Wilco |
Na rede | |
uncletupelo.com | |
Uncle Tupelo foi unha banda de rock alternativo proveniente de Belleville, Illinois, activa desde 1987 a 1994. Jay Farrar, Jeff Tweedy e Mike Heidorn formaron o grupo despois de que o cantante da súa agrupación previa, The Primitives, abandonase para comezar os seus estudos universitarios. O trío gravou tres álbums con Rockville Records antes de asinar un contrato con Sire Records e converterse nun quinteto. Pouco tempo despois do lanzamento do seu cuarto álbum de estudio Anodyne, Farrar anunciou a súa decisión de abandonar a banda debido ás agres relacións que mantiña con quen compuña as cancións conxuntamente, Tweedy. Uncle Tupelo disolveuse o 1 de maio de 1994, tras unha xira de despedida. Tras isto, Farrar formou Son Volt xunto a Heidorn, mentres que os membros restantes continuaron xuntos, renomeándose Wilco.
A pesar de que Uncle Tupelo se disolveu antes de lograr éxito comercial, a banda é recoñecida polo seu impacto na música country alternativa.[1] O primeiro álbum do grupo, Non Depression, converteuse nun prototipo do xénero e foi amplamente influente. O son de Uncle Tupelo diferénciase da música country da época debido a que estaba influída por estilos tan diversos como o hardcore punk de Minutemen e o tipo de instrumentación e harmonías country de The Carter Family e Hank Williams. As letras de Farrar e Tweedy refírense frecuentemente á clase media e a clase obreira de Belleville.