Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
O Uruguai[1], oficialmente a República Oriental do Uruguai (en castelán: República Oriental del Uruguay escoitar (axuda · info)), é un país de América do Sur. Limita ao norte e nordeste co estado de Río Grande do Sur (Brasil), ao oeste co río Uruguai coas provincias arxentinas de Entre Ríos e Corrientes, ao suroeste co esteiro do Río da Prata o cal o separa de Buenos Aires (Arxentina) e ao sueste co océano Atlántico.
O seu territorio, cunha superficie de máis de 176.000 km², é o segundo máis pequeno do subcontinente detrás de Suriname e áchase dividido administrativamente en 19 departamentos.
Segundo as Nacións Unidas é o país de Latinoamérica co nivel de alfabetización máis alto. Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), é o terceiro país de Latinoamérica (despois da Arxentina e de Chile), que posúe o maior Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).[2] Tamén é o país de Latinoamérica (xunto con Costa Rica), coa distribución de ingreso máis equitativa, tomando a relación entre o ingreso do 10% máis rico e o do 10% máis pobre da poboación; o quinto (despois de Cuba, Costa Rica, Chile e Ecuador, coa esperanza de vida máis alta, respectivamente; e o terceiro, despois da Arxentina e Chile, co PIB per cápita máis alto, e o décimo país de Latinoamérica co PIB máis alto.
Segundo o informe do ano 2009 de "Reporteiros sen fronteiras", o Uruguai é o país onde máis liberdade de prensa hai en Suramérica. Así mesmo é o país máis democrático de toda Latinoamérica, segundo o "Índice de Democracia" de The Economist, sendo xunto a Costa Rica os únicos países latinoamericanos considerados como unha 'democracia completa'. O Uruguai foi o primeiro país latinoamericano, e o segundo en todo o continente americano, en recoñecer e legalizar a unión civil, incluíndo parellas homosexuais.