O Val de Fornela (ou de Furniella[1] na súa forma autóctona en leonés e como consta no arquivo municipal de Peranzais) é de orixe glaciar e está situado na bisbarra do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León (España). Encóntrase dentro da reserva da biosfera dos Ancares Leoneses[2] e linda polo norte cos concellos asturianos de Ibias e Degaña. O eixe principal do val é o río Cúa que decorre de noroeste a sueste, encaixado entre altas montañas que superan os 1500 m.
O acceso ao val pódese realizar dende Fabeiro seguindo a estrada que vai por Bárcena de la Abadía e San Pedro de Paradela.