Verso

En varios alfabetos asiáticos, os versos son escritos en vertical. Así, as formas da poesía clásica chinesa determinan a métrica, lonxitude e número de versos da composición.

Un verso (do participio do latín vertere > versus, que significa "volto" da raíz indoeuropea *wer, dobrar; por oposición a prorsus, de onde vén prosa, que significa "todo seguido")[1][2][3][4] é un conxunto de palabras suxeitas a medida, ritmo e cadencia, ou só a cadencia, en contraposición á prosa, que non está sometida habitualmente a estes procedementos. Adoita ser a canle formal habitual de expresión da poesía lírica.

Convén distinguir claramente entre verso, que é unha forma literaria, e poesía lírica, que é un xénero literario. Se temos clara esta definición, entenderemos por que pode haber e hai, por exemplo, obras narrativas, dramáticas e didácticas escritas en verso e, inversamente, que existan poemas escritos en prosa no canto de en verso.[5]

Compuxéronse versos en distintas culturas sempre en torno a un recurso literario concreto: así, a poesía hebrea compuxo versos fundándose só no paralelismo semántico. A poesía xermánica medieval, pola contra, fundábase na aliteración de polo menos tres palabras por cada verso e a poesía grecolatina clásica na repetición dunhas secuencias determinadas de sílabas longas e breves e a poesía europea tradicional na rima e o ritmo acentual. Por outra banda, o rexeitamento que as vangardas europeas do século XX, especialmente o Surrealismo, experimentaron pola tradición literaria, ata a métrica, introduciu un tipo de verso máis extenso, o versículo, que non rima nin posúe ritmo acentual, senón que funda a súa poeticidade en repeticións de motivos e campos semánticos.

Versos de Alexandr Blok en lingua rusa nun edificio de Leiden, nos Países Baixos.

Fernando Pessoa dicía no seu Libro do desasosego que a poesía se atopaba entre a prosa e a música. É así en tanto que o verso é unha prosa provista dalgúns dos elementos que forman a música, grazas ao cal toda canción con letra ha de estar escrita en verso para poderse adaptar á música instrumental. Eses elementos que adquire o verso da música son o tempo, o ritmo, o compás e a melodía. O tempo vén dado por unha velocidade de enunciación marcada polo número fixo de sílabas da recitación, o ritmo pola colocación ou situación fixa de determinados acentos, o compás pola alternancia de diferentes tipos de versos e estrofas e a melodía pola repetición dunha rima ou un refrán ou bordón concreto.

O verso adoita darse dentro dunha estrutura literaria fixa que se compón dunha métrica definida, un ritmo conseguido pola colocación das sílabas tónicas e átonas e unha rima recorrente; a estas secuencias fixas chámaselles estrofas. A disciplina que estuda as clases de versos e estrofas denomínase métrica.

Existe unha gran variedade de estruturas no verso, comezando por unha división inicial entre verso rimado ou con rima e o verso solto ou verso branco sen rima, pero cun número fixo de sílabas e cuns acentos concretos. Por outra banda, o verso libre é un verso sen rima nin cantidade preestablecida de sílabas.

A creación do verso remóntase cara ás composicións gregas clásicas, en que o verso non era rimado, senón que consistía na repetición de determinada secuencia de sílabas longas e breves e o compás acentual ou ictus.[6] Antes podemos encontrar precursores dos versos rimados en estruturas fonéticas repetitivas, en composicións como o poema de Gilgamesh ou en sarcófagos exipcios, por exemplo no "Himno a Osiris".

Sarcófago do Imperio Medio de Exipto con himnos pintados, precursores dos versos rimados.

O verso rimado ten unha orixe probable na rexión da Península Itálica no medievo, onde nacen composicións versificadas que persisten ata hoxe en día como no soneto, a canción ou o madrigal.[7] Do latín vulgar, o seu paso ás linguas romances é sinxelo e atópanse composicións versificadas en rima e con metro dende o principio do idioma galego.

  1. A partir da mesma raíz etimolóxica, en lingua galega "verso" tamén ten a acepción literal, sinónimo de "dorso".
  2. "verso". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-15. 
  3. "VERSO". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-12-15. 
  4. "PROSA". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2024-12-15. 
  5. "Os xéneros literarios clásicos (aspectos teóricos); A comunicación". recursos.edu.xunta.gal. Consultado o 2024-12-15. 
  6. Sobre isto, véxase tamén métrica grecolatina.
  7. A literatura medieval itálica, primeiro co Dolce Stil Novo no s. XIII e despois con poetas como Dante Alighieri, Petrarca e Boccaccio, sofisticaron e estandarizaron a rima. Porén, isto foi moitos séculos despois de exemplos máis antigos de poesía rimada no Oriente Medio e en outras culturas antigas.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne