Vimianzo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira e integrado no partido xudicial de Corcubión. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vimiancés». É un dos concellos máis extensos da provincia (187,4 km²) que, segundo o IGE, tiña 7.138 habitantes en 2018 (7.565 no 2015, 8.128 no 2010, 8.402 no 2006, 8.466 no 2005, 8.517 no 2004, 8.653 en 2003), cunha baixa densidade de poboación (38,09 hab./km²). Sitúase practicamente equidistante das cidades da Coruña e Santiago de Compostela; pese a ter apenas uns metros de liña costeira está considerado tamén un dos concellos que forman parte da Costa da Morte.