A virulencia é a capacidade dun patóxeno ou microorganismo de causar danos ao hóspede. A palabra significa 'gravidade con que cursa unha enfermidade'. Os patóxenos con esa capacidade dise que son virulentos, palabra que procede do latín virulentus, que significaba 'ferida envelenada' ou 'cheo de veleno'.[1][2]
Na maioría dos casos, especialmente en sistemas animais, a virulencia refírese ao grao de danos causados por un microbio ao seu hóspede.[3] A patoxenicidade dun organismo é a súa capacidade de causar doenzas, que está determinada polos seus factores de virulencia.[4][5] No contexto específico dos sistemas xene por xene, a miúdo en plantas, a virulencia refírese á capacidade do patóxeno de infectar un hóspede resistente.[6]
Desde un punto de vista ecolóxico, a virulencia é a perda de fitness inducida por un parasito no seu hóspede. A virulencia pode entenderse en termos de causas próximas, é dicir, aquelas características específicas do patóxeno que lle axudan a causar enfermidade no hóspede, e de causas últimas, que son as presións evolutivas que levan a unha característica virulenta a aparecer nunha cepa dun patóxeno.[7]