Rabia | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de virións do virus da rabia (partículas con forma de bastón grises escuras) e corpos de Negri (as grandes inclusións celulares características da infección da rabia.) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
O virus da rabia é un virus neurotrópico do xénero Lyssavirus que causa a enfermidade fatal da rabia en animais e humanos. A transmisión do virus da rabia adoita ocorrer a través da saliva de animais.
O virus da rabia ten unha morfoloxía cilíndrica e é a especie tipo do xénero Lyssavirus da familia Rhabdoviridae. Estes virus teñen envoltura e un xenoma de ARN monocatenario de sentido negativo. A información xenética está empaquetada en forma dun complexo ribonucleoproteico no cal o ARN está estreitamente unido ás nucleoproteínas virais. O xenoma de ARN do virus codifica cinco xenes cuxo orde está moi conservado. Estes xenes codifican unha nucleoproteína (N), fosfoproteína (P), proteína da matriz (M), glicoproteína (G) e a ARN polimerase (L).[1] A secuencia xenómica completa vai desde 11.615 a 11.966 nucleótidos de lonxitude.[2]
Todos os eventos de transcrición e replicación teñen lugar no citoplasma dentro dunha "fábrica de virus" especializada chamada corpo de Negri (chamada así en honor de Adelchi Negri[3]). Estes corpos teñen de 2 a 10 µm de diámetro e son característicos (patognomónicos) da infección da rabia e considéranse unha proba histolóxica definitiva desta infección.[4]