No termo vitamina K inclúese un grupo de vitaminas liposolubles estruturalmente similares, entre as que destacan a vitamina K1 (tamén chamada vitamina Kj, filoquinona, fitomenadiona ou fitonadiona), e a vitamina K2 (menaquinona). A vitamina K é necesaria para realizar a modificación postraducional de certas proteínas, principalmente as requiridas para a coagulación do sangue, e está implicada tamén en diversas rutas metabólicas do tecido óseo e outros tecidos. Existen dúas formas naturais da vitamina K, a K1 e K2 (esta con varios subtipos), e tres formas sintéticas (derivados da 2-metil-1,4-naftoquinona), a K3, K4, e K5.
A vitamina K1 é sintetizada polas plantas e atópase nas hortalizas de grandes follas verdes e no aceite de soia. Os varios homólogos que existen da vitamina K2 (menaquinonas) caracterízanse polo número de residuos isoprenoides contidos na súa cadea lateral, que varía dunha menaquinona a outra. As menaquinonas abrévianse como MK-n, onde n representa o número de isoprenos da cadea lateral. Así, a menaquinona-4 (ou menatetrenona) abreviada como MK-4, ten 4 residuos de isopreno. As bacterias poden producir varias formas de vitamina K2, e as bacterias do noso intestino delgado poden tamén converter a K1 en K2. Non se coñece que as vitaminas K1 e K2 teñan toxicidade.
Coñécense tres tipos sintéticos de vitamina K: K3, K4 e K5. Aínda que as vitaminas K1 e K2 naturais non son tóxicas, a forma sintética K3 (menadiona) ten toxicidade.[1]
A vitamina K foi identificada en 1929 polo científico danés Henrik Dam cando estaba investigando a función do colesterol. Alimentou polos cunha dieta moi baixa en colesterol, e viu que a ausencia de certa substancia da dieta producía nos polos hemorraxias. Esa substancia era a vitamina K, que recibiu o nome da palabra alemá Koagulationsvitamin (K) [2].
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Dam