Voo 185 de SilkAir | |
---|---|
![]() Restos recuperados do avión
| |
Resumo | |
Data | 19 de decembro de 1997 |
Causa | disputada |
Lugar | río Musi, Palembang |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto Soekarno-Hatta |
Destino | aeroporto de Singapur |
Finados | 104 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 737-36N |
Operador | SilkAir |
Rexistro | 9V-TRF |
Pasaxeiros | 97 |
Tripulación | 7 |
Superviventes | 0 |
O voo 185 de SilkAir era un voo regular de pasaxeiros operado por un Boeing 737-300 dende Iacarta, Indonesia, ata Singapur, que se esnafrou no río Musi preto de Palembang, no sur de Sumatra o día 19 de decembro de 1997, matando aos 97 pasaxeiros e 7 tripulantes a bordo.[1]
A causa do accidente foi investigada independentemente por dúas axencias en dous países: nos Estados Unidos pola Xunta Nacional de Seguridade no Transporte (NTSB), e en Indonesia polo Comité Nacional de Seguridade no Transporte (NTSC).[2] A NTSB, que tiña xurisdición pola fabricación de Boeing do aparello nos Estados Unidos, investigou o accidente baixo o liderado de Greg Feith. A súa investigación concluíu que o accidente foi o resultado de entradas de control deliberadas de voo, moi probablemente do capitán.[3][4] A NTSC indonesia, liderada polo profesor de enxeñería Oetarjo Diran, foi incapaz de determinar a causa do accidente.[5]
Outro factor potencial que levou ao accidente do 737 foi a unidade de control de potencia (PCU) que controlaba o temón do avión. A causa dalgúns accidentes de 737 como o voo 427 de USAir fora atribuída a problemas do temón do avión. Aínda que a NTSB e o fabricante do PCU, Parker Hannifin, xa determinaran que a unidade traballaba correctamente, e polo tanto non fora a causante do accidente, unha investigación privada do accidente por unha demanda civil xulgada por un tribunal estatal nos Ánxeles, que non permitiu escoitar ou considerar as conclusións da NTSB e de Parker Hannifin, decidiu que o accidente fora causado por unha válvula servo defectuosa dentro da PCU, baseándose en achados forenses cun microscopio electrónico que determinaron que os pequenos defectos dentro da PCU causaran o bloqueo do temón e un voo incontrolado que levou ao accidente.[5] O fabricante do control do temón e as familias chegaron posteriormente a un acordo extraxudicial.[6]