Voo 191 de American Airlines

Voo 191 de American Airlines
Resumo
Data  25 de maio de 1979
Causa  separación do motor
e perda de control
Lugar  Aeroporto Internacional O'Hare
Coordenadas 
Finados  273 (todos e 2 máis en terra)
Aeronave
Tipo de aeronave McDonnell Douglas DC-10-10
Operador  American Airlines
Rexistro  N110AA
Pasaxeiros  258
Tripulación  13
Superviventes  0

O voo 191 de American Airlines era un voo regular de pasaxeiros operado por American Airlines dende o Aeroporto Internacional O'Hare de Chicago ata o Aeroporto Internacional dos Ánxeles. O McDonnell Douglas DC-10-10 usado para esa ruta o día 25 de maio de 1979 esnafrouse momentos despois de engalar en Chicago. Os seus 258 pasaxeiros e 13 tripulantes morreron, xunto con dúas persoas en terra. É o peor accidente aéreo ocorrido nos Estados Unidos.

Os investigadores descubriron que cando o avión iniciaba a rotación na engalaxe o motor número un, o da á esquerda, separouse e volteouse sobre a parte superior da á. Cando o motor se separou danou as liñas hidráulicas e bloqueáronse os slats da á esquerda. As forzas aerodinámicas fixeron que estes se retraesen. Cando o avión comezou a elevarse, a á esquerda danada, sen motor, produciu moita menos sustentación que a dereita, que tiña os slats despregados e o motor a plena potencia de engalaxe. O extremo desequilibrio do avión causou que virase abruptamente cara a esquerda ata que se inverteu parcialmente, chegando a un ángulo de inclinación de 112 graos, antes de esnafrarse nun campo onde había un aparcadoiro de camións ao final da pista. A separación do motor foi atribuída a danos na estrutura do pío que unía o motor á á, causados por procedementos de mantemento erróneos por parte de American Airlines.

Aínda que as tarefas de mantemento e non o deseño do avión foron finalmente as causas do desastre, o accidente e a posterior posta en terra de todos os DC-10 por parte da Federal Aviation Administration aumentaron a xa desfavorable reputación do modelo aos ollos do público, causada por outros incidentes e accidentes do avión. A investigación tamén revelou que había outros DC-10 con danos causados polos mesmos procedementos de mantemento. Eses erros subsanáronse e o modelo pasaría a ter unha longa carreira como avión de pasaxeiros e carga.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne