Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 2/6/2017 ata o 2/7/2017. |
Esta páxina en resumo: Os artigos non poden decantarse dun lado, deben explicar todas as partes sen parcialidade. Isto inclúe o que os artigos dicen e cómo o dicen. |
O punto de vista neutral (PVN) é un principio fundamental da Wikipedia, así como un dos cinco piares. Todos os artigos da Wikipedia e demais contidos enciclopédicos deben estar escritos desde un punto de vista neutral, de xeito que representen completa e proporcionalmente, de forma clara e sen parcialidade, todas as visións significativas posibles publicadas por fontes fiables.
O punto de vista neutral é unha das tres políticas básicas da Wikipedia, xunto a verificabilidade e que a Wikipedia non é unha fonte primaria. En conxunto, estas políticas determinan o tipo e calidade do material aceptado nos artigos da Wikipedia. Ademais, as tres políticas compleméntanse e non se deben ter en conta por separado, polo que se recomenda familiarizarse coas tres. Esta política é innegociable e agárdase en todos os artigos e por parte de todos os editores. Os principios nos que están baseadas non poden ser substituídos por outras políticas ou normas nin polo consenso dos editores.