Xantofila

Estrutura da criptoxantina, unha xantofila con grupo OH.
Estrutura da violaxantina, unha xantofila con grupos epoxi e OH.
A clorofila verde enmascara a presenza de carotenoides (carotenos e xantofilas) nas follas, pero poden apreciarse as cores amarelas das xantofilas nas follas en outono, cando estas perden a clorofila.
A cor da xema do ovo débese ás xantofilas luteína e zeaxantina que contén.

As xantofilas (/ksantofílas/[1]), do grego xánthos (ξάνθος), 'amarelo', e phýllon (φύλλον), 'folla', son pigmentos amarelos terpénicos, que forman parte do grupo dos carotenoides, xunto cos carotenos. Recibiron o seu nome porque formaban unha banda amarela nos primeiros experimentos de cromatografía de extractos de pigmentos vexetais. A súa estrutura molecular é similar á dos carotenos, pero diferéncianse deles en que as xantofilas conteñen átomos de oxíxeno, ausentes nos carotenos. Este oxíxeno forma parte de grupos hidroxilo (OH) ou son oxíxenos que forman pontes entre átomos e que substitúen a dous átomos de hidróxeno (epóxidos). Por teren estes grupos, as xantofilas son máis polares ou hidrófilas cós carotenos, e esta diferenza permite separalas dos carotenos en moitos tipos de cromotografía. Mentres que as xantofilas son amarelas, os carotenos teñen unha cor máis laranxa.

Igual que os outros carotenoides as xantofilas encóntranse en grandes cantidades nas follas da maioría das plantas, onde funcionan como un pigmento fotosintético que colabora na absorción de enerxía da luz. A súa presenza nas follas faise evidente cando estas perden a clorofila en outono e toman a cor das xantofilas e carotenos. As xantofilas actúan modulando a enerxía da luz absorbida [2] e quizais serven como un axente de "arrefriamento" ou desexcitación (quenching) non fotoquímico que se encarga de tratar as formas excitadas de clorofila (clorofila triplete), que se producen en exceso na fotosíntese cando hai intensidades luminosas elevadas. As xantofilas que se encontran nos corpos dos animais, e en alimentos de orixe animal derivan en última instancia de fontes vexetais da dieta. Por exemplo, a cor amarela da xema de ovo do polo, graxas e pel procede das xantofilas inxeridas por eses animais cos seus alimentos (a miúdo engádese luteína á mantenta a eses alimentos para darlle esa cor aos ovos). Na Unión Europea utilízanse como aditivos alimentarios, e o seu número no código alimentario é o E-161.

Cromatografía en capa fina dos pigmentos fotosintéticos. As xantofilas forman a banda amarela situada ao lado da verde.

A cor amarela da mácula lútea ("mancha amarela") da retina do ollo débese á luteína e zeaxantina que contén, que son xantofilas obtidas da dieta. Funcionan protexendo ao ollo da luz azul ionizante, a cal absorben. Estas dúas xantofilas non funcionan no proceso da visión, xa que non poden converterse en retinal (o aldehido da vitamina A).

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xantofila.
  2. Demmig-Adams, B & W. W. Adams, 2006. Photoprotection in an ecological context: the remarkable complexity of thermal energy dissipation, New Phytologist, 172: 11–21.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne