Yao Ming (en chinés: 姚明, pinyin: Yáo Míng), nado o 12 de setembro de 1980 en Shanghai, é un ex xogador profesional de baloncesto chinés. Xogou oito temporadas na NBA, todas elas nos Houston Rockets. Cunha altura de 2,29 m xogaba na posición de pivote. É o quinto xogador máis alto da historia da competición, só por detrás de Gheorghe Mureşan, Manute Bol, e Shawn Bradley.[1] Actualmente é o presidente do Shanghai Sharks, equipo da liga de baloncesto da China.
Yao comezou xogar para os Shanghai Sharks como adolescente, xogando posteriormente para o equipo sénior da Chinese Basketball Association (CBA) durante cinco anos. Despois de negociar a súa saída cos Sharks e a CBA, presentouse ao Draft da NBA, onde foi seleccionado polos Houston Rockets como número un en 2002. Co equipo texano xogou os play offs en catro ocasións. En xullo de 2011, anunciou a súa retirada do baloncesto profesional debido a unha serie de problemas nos pés e nos tornecelos, que xa o levaran a perderse 250 partidos nas súas últimas seis temporadas.