Yersinia pestis | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Micrografía electrónica de varrido dunha masa de bacterias Yersinia pestis no intestino anteiror dunha pulga infectada. | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Yersinia pestis (Lehmann & Neumann, 1896) van Loghem 1944 | |||||||||||||||||
subespecies | |||||||||||||||||
|
Yersinia pestis (antes chamada Pasteurella pestis) é unha especie de bacterias gramnegativas con forma de bacilo ou cocobacilo, anaerobia facultativa, que pode infectar a humanos e outros animais, e é a causante das pragas de peste dos últimos 1300 anos.[1]
A infección por Y. pestis en humanos pode presentarse de tres formas principais: peste pneumónica, peste septicémica, e peste bubónica.[1] Todas as formas foron responsables de epidemias de grande mortalidade na historia humana, como a Peste de Xustiniano no século VI e a Peste negra que matou a 1/3 da poboación europea no século XIV.[2][3] Pénsase que esas pragas se orixinaron en poboacións de roedores da China.[4][5]
Y. pestis foi descuberta en 1894 por Alexandre Yersin,un médico e bacteriólogo francosuízo do Instituto Pasteur, durante unha peste epidémica en Hong Kong.[6] Yersin era membro da escola de pensamento de Pasteur. Por outra parte, Kitasato Shibasaburō, un bacteriólogo xaponés formado en Alemaña na metodoloxía de Robert Koch, tamén se ocupou naquela época da procura do axente causante da peste.[7] Porén, foi Yersin quen realmente asociou a peste con Yersinia pestis. Orixinalmente a bacteria recibiu o nome de Pasteurella pestis, pero o organismo foi renomeado en 1967 co seu nome actual.
A Organización Mundial da Saúde informa todos os anos de miles de casos de peste, aínda que hoxe cun adecuado e rápido tratamento, o prognóstico das vítimas mellorou moito. Durante a guerra do Vietnam os casos en Asia multiplicáronse por 5 ou por 6, posiblemente debido á destrución dos ecosistemas e a unha maior proximidade entre os homes e os animais. A peste tamén afecta moi prexudicialmente a outros mamíferos (furóns, cans das praderías etc.)
As grandes ondadas da praga que devastou por dúas veces Europa e cambiou o curso da historia tiveron a súa orixe en China, segundo informou un equipo de xenetistas o domingo, como tamén unha terceira praga que golpeou con menos virulencia no século XIX.